Estreamos nova web!

Click na imaxe para entrar na nova web.




Grupo Naturalista Hábitat segue a medrar, e como parte imprescindibel desta mellora, presentámosvos a nova web que vimos de inagurar.


A partir de agora, e dunha forma mais visual e dinámica, podedes seguirnos nesta nova web.

Nela estarán todos os contidos incluidos neste blog, que cesará a súa actualización en prol desta nova vía de comunicación, onde seguiremos informando das vindeiras iniciativas que desenvolva o grupo.

Ademais atoparedes multitude de recursos e información de todos os proxectos que levamos a cabo.

Compre salientar que esta nova realidade non sería posible sen a colaboración altruista do compañeiro Juanda Presa, responsable do deseño e desenvolvemento desta ferramenta, así como de moitos outros membros de Hábitat, que participaron na súa posta en marcha. Grazas unha vez máis a todos polo voso apoio, colaboración, tempo e esforzos...con vós Hábitat faise cada día máis grande.

Agardamos que vos guste e que gocedes con esta nova etapa que estamos a comezar!

Sesión 4-2016: anelamento científico

A cuarta sesión da Escola de Naturalistas 2016 estará dedicada ao anelamento científico de aves.

A charla teórica, impartida por Berto Monteagudo, anelador do Grupo de Anelamento Phylloscopus, será o venres 22 de abril ás 20:30 h no local do G.N.Hábitat.

A parte práctica consistirá nunha xornada de anelamento no encoro de Cecebre (Crendes, Abegondo), a cargo novamente do Grupo de Anelamento Phylloscopus, o sábado 23 de abril de 8:30 a 11:30 h.

Sesión 3-2016: entomoloxía

A seguinte sesión teórica da Escola de Naturalistas, titulada "Introdución á entomoloxía", está prevista para o sábado 19 de marzo ás 11:00 am. A saída de campo correspondente será o mesmo sábado 19 de marzo pola tarde.

Correrá a cargo de Jorge Ramos Abuín, Licenciado en Bioloxía Animal pola Universidade de Santiago, relator en diferentes Xornadas e Congresos Ibéricos de Entomología, ademáis do Congreso Internacional de Coleopteroloxía celebrado en Barcelona en 1989. Ten publicado un libro de texto de Bioloxía e numerosos artigos entomolóxicos. Do seu labor investigador recente destacamos o proxecto Transgalaica, a sua intervención no descubrimento da larva de Cychrus spinicollis e a redescripción da larva de Eucarabus deyrollei.

Elia Pérez, bióloga e experta en bolboretas, dará tamén unha introdución aos lepidópteros.

Sesión 2-2016: Introdución á ornitoloxía

En febreiro, ademáis da presentación da Escola de Naturalistas, terá lugar o bloque "Introdución á ornitoloxía", e está previsto para o venres 26. A saída de campo correspondente será o domingo 28 de febreiro.

Esta sesión impartirana Santiago Vázquez, presidente do G. N. Hábitat, e Óscar Vázquez, secretario do Grupo, ambolos dous ornitólogos con anos de experiencia de campo.

Sesión 1-2016: comeza o curso!

O vindeiro mércores 24 de febreiro terá lugar a presentación do curso Escola de Naturalistas 2016. Ademais de expoñer os obxectivos do curso, explicarase como se vai desenvolver o mesmo e falarase do calendario previsto de actividades.

Tamén haberá un pequeno relatorio titulado "Introdución ao naturalismo", a cargo de Atocha Ramos, vogal do G. N. Hábitat.

Xa está aquí a Escola de Naturalistas 2016!

Se tes curiosidade pola natureza e ganas de aprender un pouco máis sobre ela, esta é a túa oportunidade! E se inda non sabes que é isto da Escola de Naturalistas, le esta información.

O calendario de actividades comezará en febreiro de 2016 e rematará en novembro, sendo agosto non lectivo (9 sesións en total). Cada unha delas estará dedicada a un tema, primeiro cunha charla teórica que se impartirá no noso local (rúa Camariñas nº 8 baixo, na Coruña) e logo cunha saída de campo. As datas das actividades confirmaranse ao inicio do curso, pero as charlas serán preferiblemente os xoves ou venres a partir das 20:30 h cunha duración aproximada de 2 h, e as saídas de campo terán lugar en fins de semana cunha duración de 3-4 h. A duración aproximada do curso será dun mínimo de 20 h teóricas e 36 h prácticas. O temario provisional pódese consultar aquí.

O importe do curso 2016 é de 95 €, se ben os socios do Grupo Naturalista Hábitat gozarán dunha cota de inscrición reducida (60 €). A matrícula aboarase antes de iniciar o curso, e cubre os gastos de material (telescopios, redes de captura, etc.), organización e impartición dos módulos, e gastos administrativos (solicitude de permisos de manipulación de fauna, expedición de certificados, etc.). Os gastos de desprazamento e manutención non están incluídos na cota de inscrición, e correrán a cargo dos inscritos, pero tratarase de optimizar os custos de desplazamento compartindo vehículos.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 14 de febreiro, inclusive, e para apuntarse só hai que cubrir esta ficha de inscrición. Unha rematado o prazo, notificarase vía e-mail/teléfono aos interesados para confirmar a súa inscrición. No caso de superarse o número de prazas (máximo 20 persoas), a Xunta Directiva do G.N. Hábitat escollerá aquelas cuxo perfil e motivación máis se adapte aos obxectivos da Escola de Naturalistas, e o resto pasarán a formar parte dunha lista de espera. En ningún caso unha persona que xa estivese matriculada na Escola en promocións anteriores poderá repetir.

Se tes algunha dúbida, podes contactar connosco no e-mail escoladenaturalistas@yahoo.es ou no teléfono 981 135 014.

Naturalístate xa!!

Cartaz en PDF