Xa está aquí a Escola de Naturalistas 2016!

Se tes curiosidade pola natureza e ganas de aprender un pouco máis sobre ela, esta é a túa oportunidade! E se inda non sabes que é isto da Escola de Naturalistas, le esta información.

O calendario de actividades comezará en febreiro de 2016 e rematará en novembro, sendo agosto non lectivo (9 sesións en total). Cada unha delas estará dedicada a un tema, primeiro cunha charla teórica que se impartirá no noso local (rúa Camariñas nº 8 baixo, na Coruña) e logo cunha saída de campo. As datas das actividades confirmaranse ao inicio do curso, pero as charlas serán preferiblemente os xoves ou venres a partir das 20:30 h cunha duración aproximada de 2 h, e as saídas de campo terán lugar en fins de semana cunha duración de 3-4 h. A duración aproximada do curso será dun mínimo de 20 h teóricas e 36 h prácticas. O temario provisional pódese consultar aquí.

O importe do curso 2016 é de 95 €, se ben os socios do Grupo Naturalista Hábitat gozarán dunha cota de inscrición reducida (60 €). A matrícula aboarase antes de iniciar o curso, e cubre os gastos de material (telescopios, redes de captura, etc.), organización e impartición dos módulos, e gastos administrativos (solicitude de permisos de manipulación de fauna, expedición de certificados, etc.). Os gastos de desprazamento e manutención non están incluídos na cota de inscrición, e correrán a cargo dos inscritos, pero tratarase de optimizar os custos de desplazamento compartindo vehículos.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 14 de febreiro, inclusive, e para apuntarse só hai que cubrir esta ficha de inscrición. Unha rematado o prazo, notificarase vía e-mail/teléfono aos interesados para confirmar a súa inscrición. No caso de superarse o número de prazas (máximo 20 persoas), a Xunta Directiva do G.N. Hábitat escollerá aquelas cuxo perfil e motivación máis se adapte aos obxectivos da Escola de Naturalistas, e o resto pasarán a formar parte dunha lista de espera. En ningún caso unha persona que xa estivese matriculada na Escola en promocións anteriores poderá repetir.

Se tes algunha dúbida, podes contactar connosco no e-mail escoladenaturalistas@yahoo.es ou no teléfono 981 135 014.

Naturalístate xa!!

Cartaz en PDF

Ningún comentario:

Publicar un comentario